OUROL.
Botando unha ollada ós límites da parroquia de Ourol, non se entende moi ben como en tempos pasados, hai xa séculos, os fregeses xunto coas autoridades eclesiásticas decidiran facelo templo de oración nun lateral dos límites xeográficos da parroquia.
Moito menos se entende se consideramos que ata primeiros do século XX, unha parte considerable da parroquia do Sisto pertencía a de Ourol, ou sexa que para ir a misa os de Nogueira, por exemplo, non tardaban menos de dúas horas de camiño entre ida e volta.
Posiblemente foron motivos relixiosos os que decidiron a localización, a tradición dinos que a auga da fonte da Virxe, situada preto da igrexa, era moi milagreira; tamén naquel tempo había motivos económicos e intereses non altruístas que interviñan nas decisións deixando de lado o sentido práctico que debe imperar no cotián,non sabemos o que pasou pero desde a perspectiva de hoxe non é doado entendela.
O primeiro documento que fala da existencia da parroquia é do ano 1128 cando o rei Alfonso VII fai a división entre os territorios que estarán rexidos polo poder eclesiástico e polo segrar.
É de supoñer, que en tantos séculos de historia, os lugares de culto cambiaran ata chegar á situación actual.
Máis recente é a constitución de Ourol como concello, segundo conta Xosé Fariña Jamardo no súa obra Os Concellos Galegos: No antigo réxime o agora concello de Ourol, tiña as súas parroquias case todas na xurisdición de Viveiro pois só Xerdiz pertencía a outra”.
Por aquel tempo, no antigo réxime, Mondoñedo era a capital da provincia, unha das sete na que estaba dividida Galicia. No ano 1822, cando as provincias se reducen a catro e pasa a Mariña a depender de Lugo, figuran catro concellos constitucionais dentro do que hoxe é o concello de Ourol, que son os de Cabanas, Bravos, Ourol e Xerdiz.
MÁIS DE 7.000 HABITANTES NAQUEL TEMPO.
Poucos anos despois, en 1835, na lista dos concellos de Lugo segundo o disposto no Real Decreto de 23 de xullo dese ano, os tres primeiros concellos pasan a formar parte do de Viveiro e o de Xerdiz ó de Galdo, que tamén estaba considerado municipio.
A movediza política do século XIX daba bandazos en tódolos sentidos debido ós cambios de goberno dos diferentes grupos, como consecuencia deste feito, cinco anos despois, dentro da nova distribución político territorial reflectida no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 18 de outubro de 1840, suprímese o concello de Galdo, que se incorpora a Viveiro, e créanse 62 concellos, entre eles o de Ourol.
O territorio que agrupa é o das parroquias de Bravos, Cabanas, Xerdiz, Merille, Miñotos, Ourol e o coto de Caxoto que ata daquela tiña entidade administrativa diferenciada de Miñotos.
A escisión do de Viveiro estivo chea de avatares como consecuencia da convulsa política estatal na que se alternaban os gobernos a ritmo frenético.
Foi un período da historia española na que as forzas conservadoras e as liberais mantiñan unha pugna constante polo poder dando lugar a unha alternancia de gobernos con diferentes ideoloxías.
Seguindo as actas municipais, tal e como se relatan no libro primeiro “ Ourol A Nosa Historia “ escrito por Verónica Prieto, a data na que se constituíu a corporación municipal por primeira vez, o derradeiro día do ano de 1840. Coincide cun goberno provisional do xeneral Espartero, quen rematara a guerra cos Carlistas dando lugar ó famosa aperta de Vergara.
Este feito da constitución do concello non foi definitivo, en 1954 ditamina o Goberno de España a supresión do concello de Ourol entre outros.
A turbulenta política daqueles tempos fai que os progresistas volvan ó poder e a Raíña Isabel II nomee a Espartero presidente do consello de ministros, en poucos días cambian o que se decidira pouco antes, Ourol é de novo concello e así o manifestan no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do día 11 de setembro de 1854:
“Habiendo sido suprimido el ayuntamiento por una Junta Provisional de Gobierno, se organizó en 3 del corriente mes en fuerza del D.D. de 25 de agosto próximo pasado, y se halla en el pleno uso de sus funciones. Y para que conste al público……Ofrece á la vez su cooperación en cuantas marchas se emprendan siendo útiles a la Nación y al Trono constitucional, que así lo han sentido siempre esta corporación y sus dependientes dando relevantes pruebas al liberal honrado.
Orol a 5 de setiembre de 1854. El presidente Eugenio Guerreiro.”
De todos estes avatares non é alleo o concello de Viveiro, prexudicado pola segregación de varias partes do seu territorio.
Non foi este o último intento de retirarlle a Ourol a identidade municipal, en 1868 prodúcese un feito semellante ó do ano 54 , eliminado o concello en outubro volve a ser restituído no mes de novembro.
NACE A CAPITALIDADE
Por aquel tempo non existía o que hoxe se coñece como Ourol capitalidade, actualmente sede de moitos dos servizos municipais, como as oficinas do propio concello. Segundo informacións non contrastadas, as dependencias para o funcionamento da institución faríanse en locais alugados ós veciños.
O establecemento das vivendas no Mesón e nos outros lugares da estrada é posterior a construción desta, feito que se realizou tamén a mediados do século XIX.
Seguindo a información sacada do libro “ Os Concellos Galegos” de José Fariña Fajardo, a capitalidade do municipio empezou estando no “Llano de Orol” ata a entrada do século XX, que pasa á actual localización. Denomínase institucionalmente o novo grupo de casas nun principio “O Mesón” e desde 1940 “Orol”.
Este cambio de localización débese á construción da nova estrada que une Viveiro coa de Ferrol- Lugo na localidade de Roupar, dentro do concello de Xermade.
Existe unha ampla documentación deste feito procedente da prensa daquela época, hoxe recuperada en parte e depositada en formato dixital na páxina Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia pertencente a Xunta. Consultando as noticias sobre a construción da “carretera de Roupar a Vivero” aparecen cronoloxicamente varias informacións moi o estilo daquela época.
O domingo sete de xaneiro de 1849 a publicación CLAMOR PUBLICO, xornal do Partido Liberal daba a seguinte información.
“Inutil ha sido que el Gobierno de S.M. mandase construir posteriormente un ramal que desde la villa de Vivero empalmase con la proyectada Ferrol a Rábade: inútiles cuantos pasos se han dado en el particular e inútiles los clamores del público.”
Segundo da a entender a información, estábase xa a traballar na de Ferrol, As pontes, Vilalba, Rábade que a unía nesta localidade coa de Coruña- Madrid, feita con anterioridade.
Sen embargo, algo máis de dous anos despois, o xoves primeiro de maio de 1851, El Eco de Galicia, que se definía como: “ Periódico de Intereses Materiales y Amena Literatura” confirmaba que se estaba a traballar no trazado e no proxecto.
“Carretera mista de general y provincial.
Desde el pueblo de Roupar á la villa y puerto de Vivero se trazó y se trabaja en la carretera mista que compone esta linea, cuyas obras principaron en Vivero, y su dirección está a cargo de dicho Sr. Mobellán ( Marcelino Mobellán ).”
Efectivamente o tema ía por bo camiño, o Boletín Oficial de la Provincia de Lugo no número 87 de data 23 de xullo de 1851anunciaba a subhasta do primeiro tramo, empezábase a traballar desde Viveiro.
“Don Felipe de Ariño, Caballero….y Gobernador de esta provincia saca a pública subasta el día 8 de agosto próximo y hora de 12 a 1 de la tarde en el despacho de este Gobierno de la Provincia la construcciñon de las obras que a continuación se expresan en el tramo 6º de la carretera de Vivero a Roupar.
La conclusión del pontón de Junquera.
2.000 varas lineales de firme.
1.000 varas lineales de explanación.
204 varas lineales de muro de sostenimiento.
532 varas lineales de pretil.
Conclusión de 49 varas lineales de pretil.
Construcción de 4 tageas.
Los que deseen enterarse del presupuesto y condiciones, se servirán pasar a la secretaría de este Gobierno donde se hallan de manifiesto.
Lugo 22 de Julio de 1851 Felipe de Ariño.
Por fin en xullo xa se empezaba a realizar o proxecto, pero había un problema moi difícil de solucionar: o financiamento. Antes, o mesmo que agora, atopar cartos para facelas obras públicas non era tarefa doada e o goberno da época tamén recorría ó financiamento privado, tal como aparecía no Boletín Oficial da Provincia de Lugo do mércores 20 de agosto de 1951.
“ El Gobierno de S.M. por resolución de 25 de julio último ha puesto a disposición del de esta provincia para impulsar las obras de la carretera mista de Vivero a Roupar y por cuenta de la parte que corresponde al estado la cantidad de rs. 300.000, en acciones, autorizándoles para negociarlas, si no fuese asequible colocarlas a la par en esta provincia”
Segundo confirmaban as informacións dadas polos periódicos da época, as dotacións orzamentarias eran pequenas para o tamaño da obra. O xoves 14 de octubre de 1852, o número 1.391 de La España, daba a seguinte noticia:
“En una circular que leemos en el Boletín de la provincia de Lugo dirigida por el gobernador a los alcaldes para impulsar la construcción de caminos, se lee lo siguiente:
“ De los datos que tengo a la vista, resulta que en el día se hallan en construcción dos carreteras mistas la de Lugo a Quiroga, y la de Vivero a Roupar. La provincia ha contribuido en el año corriente con 86.138 reales, 30 mrs. Para la primera, y con 51.100 reales con 22 mrs. Para la segunda.”
Estas cantidades non eran dabondo para unha execución rápida da estrada, pero, hai que considerar que neses mesmos anos estábanse a facer outras importantes infraestruturas, amais da xa referida na información de Lugo a Quiroga tamén a de Ferrol a Rábade na que entronca a de Viveiro Roupar, como o manifestaba o diario La Epoca o catro de agosto de 1853.
“Dicen de la Coruña que en la semana última se había dado principio a las obras de la carretera general en los trozos comprendidos desde Linares a Roupar, en cuyo punto enrama la carretera de Vivero. Escusado es añadir que se ha dado con dichas obras trabajo a algunos centenares de infelices.”
A ben seguro que aqueles infelices estaban moi contentos de levar uns poucos reais e marabedís para a casa. No ano 1854 a dotación orzamentaria ten unha contía maior, tal e como o publica o Boletín Oficial da Provincia do 22 de maio.
“Artículo único.
Consignados en este capítulo en el presupuesto ordinario con arreglo a la Real Orden de 12 de Diciembre último………………….655.860 rs.
Idem en el adicional por Real Orden de esta fecha, como sobrante del crédito autorizado en el año anterior para las carreteras de Lugo a Quiroga y a Santiago………………………………………………765.382
Para satisfacer el resto de las obras contratadas y en ejecución de la carretera de Vivero a Roupar……………………………. 467.577 rs.
Total..1.588. 849”
Naqueles tempos facer obras de tal magnitude esixían un esforzo extraordinario, por unha parte en diñeiro, estábase en permanente conflito bélico, guerras carlistas no estado entre as distintas faccións borbónicas e guerras nas colonias, por outra parte daquela había poucas máquinas e ningún motor, a forza de traballo era humana e animal, aínda así hai que admirar a perfección e beleza das pontes feitas de perpiaño e cantería e o trazado da estrada, adaptado ás condicións de tiro dos vehículos daquel tempo.
A finais da década déronlle á obra o impulso orzamentario definitivo segundo consta boletín do goberno do estado.
“Diario de Madrid.
Dirección General de Obras públicas.
En virtud de lo dispuesto por real orden de 25 de octubre último, esta dirección general ha señalado el día 9 de diciembre próximo, a las doce de la mañana, para la adjudicación en pública subasta de las obras de los trozos 1º, 2º, 3º, 4º, y 5º de la carretera de primer orden de Roupar a Vivero, Provincia de Lugo, cuyo presupuesto asciende a 2.480.988 rs. 78 cent.
Madrid 3 de noviembre de 1859.
En director general de obras públicas. José F. de Uría.”
Case dous millóns e medio de reais debía ser unha cantidade considerable para finalizar a obra que comezara a principios da década no tramo sexto en Viveiro.
A data de remate definitiva da estrada, que facilitou o movemento de persoas e mercadorías durante máis dun século sen ser practicamente modificada, debeu de ser cara finais da década dos sesenta, aínda que no mapa da provincia de Lugo feito en 1864 sendo presidente do goberno Pascual Madoz xa a trae como operativa.
OS MESÓNS DE MURAS E OUROL
O paso da estrada traerá consigo unha transformación económica e social ó longo do seu percorrido, as viaxes deixan de ser unha aventura para transformarse nun feito habitual, implantándose ó longo da nova vía de comunicación establecementos de servizo ós viaxantes e a as mercadorías.
De Bravos sairían dúas familias para establecerse na nova vía de comunicación, os Sánchez de Licín e os Penabad de Domecelle.
Xosé Sánchez de Licín (outros chaman a localidade Lecín) ten catro fillos, os dous maiores quedan na casa, o terceiro, Manuel, casa con Francisca Cao e abren o mesón de Ourol. Teñen seis fillos.
A filla máis nova, Vicenta, casa en Domecelle ( Bravos ) con Xan Penabad Pico e abren o mesón de Muras no lugar das Águias.
Teñen tres fillos, falecendo de neno o único varón.
A maior, Xenerosa, herdou o establecemento de Muras e a máis nova casa co seu curmán Elías de Ourol. Non teñen fillos e farase cargo do mesón Amador Vázquez Penabad, fillo de Xenerosa.
O mesmo tempo que a estrada está feita, establécese unha liña regular de carruaxes que vai de Viveiro a Baamonde, onde está ubicada a estación do tren máis próxima.
No mesón de Muras cambiábanse os tiros de mulas, tanto das procedentes de Viveiro despois de subila Gañidoira, como as que viñan de Bamonde atravesando a Terra Cha con destino a vila mariñeira.
Ofrecíase comida e pousada ós viaxeiros e tiñan tenda na que había mercadorías de todo tipo, tanto de alimentación como de útiles para a casa e para a agricultura dos labregos. Son, tamén os mesóns, sedes locais do servizo postal.
Manuel Sánchez ó abrir o mesón de Ourol da comezo o que será posteriormente a capitalidade do municipio, xa que, antes da estrada, os camiños existentes non pasaban polo lugar que definían anteriormente como «O Castelo» e hoxe como «O Mesón»
Desde Pena Redonda a Abelleira non había lugar nin entidade de poboación algunha, esta nace ó carón do mesón para dilixencias, que ten a súa primeira localización no actual número sete, enfronte ó comezo da estrada da igrexa.
A EMIGRACIÓN EMPÉZASE A NOTAR EN 1900 MENOS DE 6000 HABITANTES.
O mundo daquela época está a cambiar a ritmo vertixinoso especialmente por dous motivos, un a mellora na comunicación por estrada debido o novo viario, o outro á emigración, que aporta unha economía diferente, capaz de financiar a compra de terras, moitas delas aínda dependentes do foro e, tamén, unha nova cultura, moito máis universal e aberta a novas ideas e pensamentos.
O emigrante daquela época de finais do século XIX e principios do XX está unido a terra que o veo nacer, moitos deles están pensando en volver uns, os que fixeron fortuna, como indianos rendistas, os outros, aqueles ós que a fortuna lles virou as costas, a refuxiarse e a incorporarse ós traballos coa familia que deixaran noutro tempo.
Neste ámbito, hai que salientar as magníficas casas indianas dos retornados agraciados pola fortuna, coas galerías que supoñen un xeito moi racional de aforro enerxético e cos xardíns, que aportarían un novo concepto estético do contorno da vivenda, algo inconcibible naquel tempo para quen vivía da terra e tiña outro concepto do seu uso.
Cultura e solidariedade foron dous conceptos moi unidos na emigración daquel tempo de finais do século XIX e principios do XX que financiaron do seu peto particular moitas das escolas públicas.
O MESÓN FAISE NÚCLEO DE POBOACIÓN.
É de supor que facer a parroquia de Ourol base do concello, débese fundamentalmente a que está no centro xeográfico.
Ourol núcleo constituíuse a partir da construción da estrada Viveiro – Roupar e o establecemento do Mesón para a atención do servizo de dilixencias. Este feito debeu de acaecer no último terzo do século XIX.
Un feito de grande relevancia no proceso de constitución de Ourol como núcleo de poboación foi a construción das novas escolas parroquiais, financiadas polo filántropo Vicente Casabella, un emigrado a Cuba da parroquia.
O benfeitor non chegou a ver as obras rematadas xa que finou no ano 1899.
Oito anos despois, a prensa facíase eco do remate das obras. O xornal EL NORTE DE GALICIA do día 19 de marzo de 1907 daba a seguinte reseña sobre o feito.
“Edificios Escolares.
Según noticias de Vivero, están tocando a su término las obras del hermoso edificio erigido en Orol, contiguo a la carretera del Estado, que de Baamonde conduce a la referida villa, dedicándose a escuelas de ambos sexos, que ocupan ambos extremos de dicho edificio y cuyo centro constituye una elegante capilla y artística fachada.”
A primeiros do século XX é cando se produce a maior expansión da actual capitalidade municipal. A maioría dos novos veciños proceden das diferentes parroquias do concello, construíndo as vivendas en dous estilos diferentes, un o tradicional, o propio do país, onde dominan como materiais a pedra, a lousa e a madeira de castiñeiro.
O outro xeito de construción é o que introducen os indianos, con vestixios de procedencia caribeña e do estilo modernista. Tamén aparece a utilización de novos materiais como o cemento e a tella, novos conceptos de aforro enerxético como as galerías e do espazo exterior coa aparición dos xardíns.
O mesmo tempo que medran os veciños no O Mesón, tamén o fan o número de servizos na capitalidade, primeiro sería o concello, seguíndolle o xulgado, o cuartel da Garda Civil e outros, ata un casino.
Abren novos establecementos e, en poucos anos, na estrada hai catro tabernas das que dúas son almacén de comestibles. Ourol capitalidade chega o seu máximo desenvolvemento no primeiro terzo do século XX.
Eran outros tempos, a xente seguiu emigrando primeiro a Sudamérica e logo a Europa logo a outras zonas do Estado, abandónase a agricultura case totalmente dando paso a explotación das terras con especies forestais, principalmente o eucalipto.
En Ourol, o mesmo que en moitas zonas do rural galego, non queda xente. O concello anda polos 1.000 habitantes.