Nos primeiros anos do século XX o concello de Ourol viviu un intenso cambio no sistema produtivo agropecuario no que tivo moito que ver a creación de asociacións de agricultores.

A SITUACIÓN DA AGRICULTURA

 

A principios do século XX a sociedade está nun proceso de transformación de gran calado, como consecuencia dos cambios orixinados no século XIX.

Neses 100 anos anteriores, as grandes superficies de terra que posuía  a Igrexa e outras propiedades comunais, sofren o proceso de desamortización.

Os foros, principal sistema contractual entre os propietarios da terra e os usuarios dela, son cuestionados esixindo ó campesiñado a súa redención para que a terra sexa para quen a traballa e para poder adaptarse o novo sistema económico. Este proceso de redención da propiedade empezou a mediados do século XIX e rematou no primeiro terzo do XX.

Outros feitos que non tiveron a propiedade da terra como protagonista tamén foron decisivos, no dezanove déixanse de pagar impostos a Igrexa coa eliminación do “ diezmo “; a emigración a Cuba é permanente desde a Mariña; iníciase a comercialización masiva de carne de vacún, primeiro a Gran Bretaña e logo ás principais capitais do Estado; a economía está cambiando, a agraria tamén,  hai un gran movemento agrarista que reivindica cambios no sistema produtivo  coa incorporación de nova tecnoloxía agropecuaria para producir máis e mellor.

No labrego crea inquedanza este novo xeito de agricultura, moi diferente ó tradicional, no que a subsistencia e o pago de rendas en especie son as principais circunstancias nas que se move a súa vida e o seu traballo, agora coa lenta incorporación á agricultura de mercado ten que cambiar o xeito de producir e de vender, pasando da rutina nas prácticas agrarias a facer xestión dos seus recursos, pero cada vez está máis preparado para cumprir esta función,  especialmente en zonas como a da Mariña de Lugo pola influenza da emigración a  Cuba, que está comprometida con mellorala formación da xente. Sirvan como exemplo as escolas que construíron entidades como Vivero y su Comarca, Vicente Casavella en Ourol ou Pedro Murias en Ribadeo, que funda na súa parroquia de orixe, Villaframil, un impresionante centro de formación agropecuario. A volta de moitos emigrantes, que se involucran no cambio no que está sumido o mundo do rural, favorece este proceso.

ESCOLAS VICENTE CASAVELLA - HOXE CONCELLO DE OUROL
ESCOLA DE MERILLE - OBRA DE "VIVERO Y SU COMARCA"

Por outro lado, A Granxa Agrícola Experimental da Coruña, primeiro centro de experimentación e divulgación de Galicia, creada en 1888 e posta a funcionar a primeiros de século XX, e a partir do ano 1921 a Misión Biolóxica de Pontevedra, proxectan as melloras tecnolóxicas a través de campos experimentais instalados en moitos puntos do país.

GRANXA AGRÍCOLA EXPERIMENTAL. EDIFICIO PRINCIPAL
CAMPO DEMOSTRACIÓN AGROGANDEIRA CARBALLO. A CORUÑA

Cada vez chega maior información ó labrego que, amais de tomar decisións individualmente para xestionar a súa propia situación, ten que buscar solucións de xeito colectivo a multitude de problemas que se lle presentan, deste xeito nacen o que naquel tempo se chamaban sindicatos, sociedades agrarias ou ligas agropecuarias, todo depende de quen as promociona, e teñen fins máis ou menos reivindicativos ou profesionais, hoxe, fundamentalmente, falaríamos de cooperativas.

EN OUROL EMPEZA O CAMBIO.

 

Ourol non foi alleo a este movemento, na prensa da época aparecen algunhas novas relacionas co concello, que poñen de manifesto que o proceso de cambio cara a unha  agricultura máis comercial e con  técnicas de produción máis actualizadas, é unha realidade.

O xornal chamado Gaceta de Galicia o 27 de marzo de 1909,  da a nova de que a Deputación de Lugo reparte 12 touros sementais de vacún pola provincia, un deles ven para a zona de Ourol.

A utilización de sementais de razas de vacún procedentes do estranxeiro, sometidas desde facía anos a procesos de mellora xenética coa finalidade de facelas máis produtivas, para cruzalos cos animais do país e conseguir unha descendencia  con mellor produción cárnica e leiteira, é o sistema máis rápido e o máis común dos utilizados naquel tempo para mellorar os rendementos económicos.

Para Ourol mandaba o que o redactor do xornal chamaba un “ Suizo “, case seguro que se trataba da raza Simmental orixinaria dese país e que se utilizou moito naquel tempo para cruzala coa Rubia do país.

No caso dos porcos, que tamén se demandaba un semental, case seguro que era dunha raza inglesa para substituír  ó porco Celta, hoxe  moi en boga pola calidade organoléptica da carne, pero de tan baixo rendemento produtivo  que, a pesares de ser tan abundante daquela,  case desapareceu.

PORCO RAZA CELTA
PORCO RAZA LARGE WHITE

As feiras son o motor económico desta agricultura que está rachando co sistema tradicional, en moitas parroquias de Ourol hai  intentos de constituílas, recollín información basicamente de dúas fontes, unha do libro A Nosa Historia editado polo concello que recolle basicamente as actas da corporación e dos xornais daquela época que, nalgún caso, fixéronse eco da creación destes eventos.

Seguindo unha orde cronolóxica, a finais do século XIX, concretamente o 26 de marzo de 1890 o xornal El Lucense destaca a celebración dunha feira en Merille.

A feira na parroquia de Merille non debeu durar moito porque en 1922 a Liga Agropecuaria desa localidade envía unha comunicación ó concello para que se lles permita volver a celebrala.

 En 1911 hai dúas novas referentes a feiras, unha procede da acta do concello na que informa da creación dunha no Sisto, no lugar de Vilariño, como o recolle uns días máis tarde: La Correspondencia Gallega – Diario de Pontevedra do 6 de xullo de 1911, aínda que non precisa o lugar de localización, so fala do concello.

Segundo se desprende da nova do xornal, o que se quere é facer unha feira mensual para comercializalo gando e, o mesmo tempo, un concurso de valoración morfolóxica dos animais nos que se premiaban os mellores exemplares presentados, eventos moi frecuentes naquela época, que pretendían mellorar as características produtivas das razas.

A venda de becerros foi na segunda metade do século XIX o detonante que incorporou á economía de mercado as pequenas explotacións agropecuarias do país, o destino desta carne foi en principio Gran Bretaña ata que  outros países con sistemas de produción extensiva , como Estados Unidos e Arxentina, que criaban animais de mellores rendementos cárnicos e con menor custe na crianza cos do país, se fixeron co mercado.

Posteriormente o destino da carne galega foron as grandes cidades de España, como Madrid, Barcelona e as do País Vasco.

No ano 1919 preténdese facer  en Xerdiz, coincidindo coa festa do San Antonio, outra exposición de gando, tal como recolle a acta municipal e   os xornais El Norte de Galicia e El Progreso do 27 de febreiro.

XORNAL NORTE DE GALICIA
XORNAL EL PROGRESO

Segundo recolle a revista Ourol A Nosa Historia, nunha acta do concello do ano 1952 no que se solicita a instancias superiores a creación dunha feira na capitalidade municipal, aducen que xa se celebraba unha  a principios de século. Esta é a única referencia que se ten dela e a que se solicitaba a mediados do século pasado tampouco  se chegou a celebrar.

A feira do Carmen en Miñotos foi a que máis tempo durou, non atopei referencias da súa antigüidade, pero tivo que ter importancia comercial xa que a primeira estrada que se fixo despois da principal de Viveiro a Roupar, foi a do Carmen.  A feira durou ata despois de mediados do século pasado, cando empezou a fuxida do rural para as cidades.

CRUCEIRO E CAPELA NO CARMEN - MIÑOTOS

AS SOCIEDADES E SINDICATOS AGRARIOS XURDEN NESTE AMBIENTE DE CAMBIO.

O sindicalismo agrario desenvólvese a partir da lei do 28 de xaneiro de 1906, aínda que algunhas asociacións xa viñan funcionando anteriormente.

As organizacións políticas, sociais e relixiosas asumen a importancia deste feito e fórmanse as primeiras asociacións de agricultores con finalidades e de promocións moi diversas.

O redor  da Coruña aparece a “ Unión Campesina “ de tendencia anarquista.

Preto de Vigo e no sur de Pontevedra ten unha forte incidencia o                 “ Directorio de Teis “, moi involucrado na loita contra os foros e relacionado co Partido Liberal.

CRUZ GALLASTEGUI EN LAVADORES PRETO DE VIGO

Solidaridad Gallega, formado en Madrid por eminentes galegos, entre os que destaca o cura Basilio Álvarez,  sensibilizados pola situación do campo e desde diferentes tendencias políticas, afronta unha campaña especialmente orientada contra a situación dos foros e o caciquismo.

O CURA BASILIO NUN MITIN

No norte de Lugo, na zona de Pastoriza e concellos limítrofes constitúese a Federación Agropecuaria do Norte Galaico.

Estas organizacións teñen incidencia nalgunha parte do territorio de Galicia, formando sindicatos ou sociedades  que duran máis ou menos tempo segundo a xestión dos seus líderes, a conciencia solidaria dos propios socios e a capacidade de resistencia ás agresións que en contra deles existe por parte de grupos ou individuos que ven danados os seus intereses pola súa aparición no medio rural.

Pero a grande promotora do asociacionismo no campo a principio do século XX foi, sen lugar a dúbidas, a Igrexa Católica.

No ano 1891sendo Papa León III, nunha nova encíclica, a Rerum Novarun, a Igrexa Católica ofrece por primeira vez unha doutrina social de axuda ós máis necesitados, entre eles a poboación do rural. Por outra parte, coa creación dos sindicatos afíns,  tentaba contrarrestar as influenzas que outras organizacións estaban adquirindo no campo.

 

UNHA ANÉCDOTA.

 

Na década dos anos oitenta do século pasado, cando iniciei os programas agrarios na televisión, primeiro no Centro Rexional de Televisión Española e despois na Televisión Galega, coñecín  un gran viticultor chamado Avelino Lorenzo da parroquia de Berán no concello de Leiro, con que tiven unha forte relación, regaloume o libro “ Sindicatos y Cajas Rurales “ editado en 1913 pola “ Bliblioteca de la Acción Social Popular “.

Este título fai referencia  a posta en marcha e o funcionamento das cooperativas daquel tempo por parte da Igrexa Católica.

Déranllo a seu pai os cregos de Acción Social Católica que viñeran a facer promoción entre os viticultores para  constituír a cooperativa  de Leiro, a primeira de Galicia orientada a elaboración e comercialización dos viños. Xestionouse  a súa creación nos anos 30, aínda que o funcionamento é posterior á Guerra Civil.

 

O PROGRAMA DE ACCIÓNS SOCIAL POLPULAR.

 

 Segundo se manifesta no libro, a obra de Acción Social Popular contaba cunha ampla i eficaz  organización na que estaban integrados ideólogos  de gran relevancia. No prólogo da obra fan referencia a eles

 

Repasando o contido do libro Sindicatos y Cajas Rurales, pódese ver a diversidade de fins polo que se podía crear un sindicato católico, sen esquecer, e poñendo en primeiro lugar, os motivos relixiosos.

Amais da finalidade relixiosa que estaba en consonancia coa entidade de quen partía a promoción dos sindicatos, creábanse para cumprir moi diferentes necesidades do mundo rural daquel tempo, aínda que compre destacar as que tiñan un carácter económico e profesional, como as mutuas gandeiras, nas que o conxunto dos socios autoaseguraban o seu gando para librarse dos cataclismos económicos que a nivel individual podía supor a perda de reses.

ESTATUTOS MUTUA GANDEIRA
ENQUISA SOBRE O GANDO

Eran moi importantes as sociedades para a adquisición materias primas con destino ás explotacións agropecuarias e tamén para a familia.

Nalgún caso afrontaban en conxunto a comercialización do gando, incluso chegouse a construír o matadoiro de Porriño entre un grupo de varias cooperativas que agrupaban a sete mil socios, foi inaugurado en 1928 polo ditador Primo de Rivera.

O matadoiro funcionou durante pouco tempo debida á mala xestión e a mala definición   empresarial, sendo comprado no ano 1949 polos Fernández, empresarios con orixe na comarca de Sarria e que crearon un emporio empresarial moi importante. Actualmente é un complexo industrial agroalimentario en mans do grupo cooperativo COREN.

MATADOIRO PORRIÑO

Entre os principios ideolóxicos dos sindicatos pertencentes a Acción Social Popular, o mesmo que nos seus fins, estaban os relixiosos, non así os políticos que eran rexeitados de forma contundente, como se manifesta no apartado do libro que fai referencia á política.

Un século despois, os sindicatos ou sociedades daquela, hoxe cooperativas, adquiriron un estatus profesional e empresarial con suficiente entidade para non necesitar, como organización, influenzas de ningún grupo político ou social.

 

Outra cuestión de gran importancia naquel tempo foi o establecemento por  parte dalgúns sindicatos de entidades de crédito, as Cajas Rurales, algunha chegou en pleno funcionamento ata os nosos  días, como é o caso da de Meirás, no concello de Valdoviño creada en 1917.

A Caixa Rural de Meirás presta un gran servizo financeiro na zona de Ferrolterra, nesta comarca aínda quedan outras en activo pero  de moita menor entidade que a primeira.

A propia Acción Social Popular tiña a súa entidade bancaria chamada Banco Popular León XIII que recibía fondos das caixas rurais e concedía préstamos ás mesmas.

Os sindicatos católicos de base, xeralmente de ameto parroquial, tiña unha organización federativa que, normalmente aínda que non sempre, coincidía coa diocese, os da Mariña agrupábanse ó redor de Mondoñedo.

OS SINDICATOS AGRARIOS EN OUROL .

Para coñecer como se crearon os sindicatos, sociedades ou ligas a principio do século XX en Ourol tiven en consideración varias fontes, por un lado, a xente que participou e a que coñeceu os sindicatos,  a información é a  da última etapa da existencia dos mesmos.

Os estatutos, fora a de Xerdiz, que ten a acta de constitución na revista editada pola cooperativa no ano 2008 con motivo do arranxo das dependencias sociais,  tampouco logrei a documentación das entidades, debido as especiais circunstancias de confinamento impostas pola pandemia do Covid xa que  debe estar en posesión de  particulares e non tiven contactos con eles.

Outra fonte moi importante son as  novas que saíron nos xornais da época facendo referencia a este tema, que deron pistas moi interesantes, tamén a información contida sobre os sindicatos  na revista A Nosa Historia editada polo concello.

Seguindo unha  relación cronolóxica, A Nosa Historia fai a referencia dunha acta de 1909 sobre a creación da sociedade La Unión na parroquia de Miñotos, seguro que se constituíu ou houbo intento de facelo, pero as noticias dela, tanto orais como escritas, quedaron nesa acta.

A primeira referencia documentada que eu coñezo sobre a existencia dunha asociación agraria no concello de Ourol, tívena  das notas de prensa dos xornais “ El Progreso: semanario independiente” do día 7 de abril de 1915 e de “ La Voz de la Verdad: diario católico antiliberal” con data 11 de abril de 1915 que, nunha concisa nota, informan da constitución da Liga Agropecuaria de Ourol.

XORNAL EL PROGRESO
XORNAL LA VOZ DE LA VERDAD

Poucos días despois, El Eco de Galicia do día 20 de xullo de 1915,  fai referencia a unha asemblea celebrada en Ferrol para a promoción do ferrocarril da Costa, Xusto Taladriz, o viveirense presidente da asociación galego-cubana Vivero y su Comarca, leva a representación da Liga Agropecuaria de Ourol e doutras asociacións agrarias, como a da Liga Agraria de Germade e  do Sindicato Agrícola de Muras, a dita xuntanza.

Os nomes das entidades labregas representadas polo señor Taladriz defínense como ligas e como sindicatos, parece ser que as ligas son as asociacións promocionadas polos partidos laicos e os sindicatos pola igrexa católica.

O nome de Liga Agropecuaria de Orol como organización constituída e en funcionamento, parece que da a entender que é unha agrupación profesional de ámbito municipal, sen embargo hai que considerar un feito.

Naquela época, o mesmo que hoxe, o interese dos políticos por ser relevantes lévaos a arrogarse cousas que, sen deixar de ser certas, non significan nada. A Liga Agropecuaria de Orol, creo que desde o principio estaba localizada en Merille, onde quedou posteriormente como sindicato parroquial.

O vicepresdente da asociación de Merille era Tomás Ramos Riguera, persoa moi unida a Xusto Taladriz, os dous eran os máximos representantes en Galicia da sociedade Vivero y su Comarca, entidade constituída por emigrantes en Cuba e que edificou unha morea de escolas na Mariña occidental. Xusto Taladriz era membro moi activo do Partido Liberal que naquela época que tiña a José Soto Reguera como deputado polo distrito viveirense. A viaxe de Taladriz a Ferrol para promocionar o ferrocarril da costa arroupado pola representación da Liga Agropecuaria de Ourol, puido ser unha estratexia  política e, o máis probable, fora que o sindicato estivese principiando a constitución o mesmo que os das parroquias de Ourol e  de Xerdiz.

O que parece certo é que o Partido Liberal en Ourol estaba decidido a promocionar o asociacionismo labrego o mesmo que fixo na comarca de Vigo co Directorio de Teis. A xente procedente de Cuba sería o eixo no que se asente o desenvolvemento asociativo, non so na promoción se non tamén na financiación dos edificios que se levantaron nas parroquias de Merille, Ourol e Xerdiz.

Como se veu anteriormente a Igrexa Católica foi a maior promotora sindical daquela época e no concello de Ourol intentouno, unha nova do xornal “El Ideal Gallego: diario católico, regionalista e independiente”, recolle a información sobre as actividades de Acción Social Católica nas parroquias do concello.

XORNAL IDEAL GALLEGO - DIÓCESE DE MONDOÑEDO

A xente de Acción Social Católica procedente de Mondoñedo que deu o mitin en Ourol,  da por feito, como conta a nota do xornal, que se van a constituír en principio tres sindicatos: en Ourol, no Sisto e en Bravos.

O sindicato de Bravos aparece no ano 22 noutra información xornalística, o do Sisto non volve a aparecer máis e a liga “ La Unión de Labradores” de Ourol , chamada coloquialmente a nivel parroquial, «a Sociedade», non parece que estivera relacionada co sindicalismo eclesiástico.

Seguindo un traballo titulado “ A implantación territorial do agrarismo católico galego, 1909-1943” do investigador Alberto Martínez, incluído no libro Donos de Seu, da a cifra de 72 sindicatos en 1909, 486 en 1920, baixando na década posterior a 266.

As cifras amosan que moitos sindicatos naceron e desapareceron en pouco tempo. Estudando o mapa de implantación dos sindicatos católicos no traballo realizado por Alberto Martínez, e que ten como fonte documental principalmente a información que sacou nas federacións agrarias das diferentes dioceses, vese que na de Mondoñedo non teñen rexistrado en 1920 ningún nos concellos de Viveiro, Ourol e Muras.

ANO 1920 SINDICATOS CATÓLICOS
ANO 1942 SINDICATOS CATÓLICOS

Vinte e dous anos máis tarde, en 1942, a federación de Mondoñedo ten asociado un sindicato en Viveiro, posiblemente o de Landrove, pero ningún no concello de Ourol. 

No ano 1922 outra información do diario “ El Ideal Gallego” relata na páxina agraria o ciclo de conferencias que está realizando Rof Codina, veterinario, gran divulgador e, naquel intre, xefe da cátedra ambulante de divulgación agropecuaria, por diferentes concellos da Mariña, entre eles Ourol, en concreto na Liga Agropecuaria de Merille.

Entre as referencias que fai dos asistentes está Tomás Ramos como vicepresidente da sociedade da localidade, e representantes do Sindicato Agrícola Católico de Muras,  do Sindicato Agrícola Católico de Bravos, do sindicato agrícola de Xerdiz e unha delegación da Liga Agropecuaria do Landro, que o cronista tamén establece en Bravos pero por lóxica debe ser o das parroquias de Magazos – Landrove. Este foi o primeiro en funcionar na comarca (hai novas sobre a súa existencia do ano 1913), tivo a sede no Fondón, onde quedan os restos, en 1917 tiña un campo de demostración agraria e unha báscula para pesalos animais. Un dos seus presidentes foi Xosé Barro González, empresario das industrias de automoción  de Chavín.

Na información matízase no nome das asociacións, especificando as que están ligadas a Igrexa e as outras que deben ser promocionadas polo Partido Liberal ou por outros, no caso de  Landrove, Barro estivo enfrontado ó Partido Liberal e máis unido ó Conservador.

EDIFICIO SOCIEDADE DE OUROL
EDIFICIO SOCIEDADE DE XERDIZ
EDIFICO SOCIEDADE DE MERILLE

O REMATE, TRES LIGAS NO CONCELLO DE OUROL.

De tódalas sociedades que se pretenderon crear no concello de Ourol so en tres parroquias chegaron a consolidarse:

Liga Agropecuaria “ Unión de Labradores “ de Ourol.

Liga Agropecuaria “ La Defensa “ de Xerdiz.

 Liga Agropecuaria  de Merille.

Son moitos e de moi diversa índole os obxectivos polo que se crean os sindicatos naquela época, cada un establece as súas preferencias segundo as necesidades máis sentidas.     

Polo xeral están presentes a compra de materias primas;  a creación dun campo de demostración agraria e de paradas de sementais; implantar as mutuas gandeiras; crear grupos de venda en común do gando ou, cando menos, establecer básculas para o control do peso dos animais e unha serie de medidas sociais tendentes a solucionar problemas propios dos membros da sociedade, como por exemplo mediar nos conflitos entre socios.

As tres entidades do concello consolidaron o seu funcionamento e construíron locais sociais coa axuda económica dos emigrados, fundamentalmente de Cuba. Amais de almacén para materias primas e local de reunións, os edificios tiñan outras dependencias. En Ourol e Xerdiz dispuñan de taberna e báscula para pesar os becerros dos socios.

Un caso inédito dentro do cooperativismo galego e o da Liga Agropecuaria “ La Defensa” de Xerdiz , que no ano 30 construíu un salón  de baile para o lecer da parroquia.

SALÓN DE BAILE - SOCIEDADE DE XERDIZ

Estas instalacións existían en case tódalas  parroquias do concello de Ourol  pero todos os demais salóns eran de propiedade individual e de funcionamento empresarial privado.

A iniciativa da construción do centro de lecer e de relacións sociais da liga de Xerdiz, non creo que fora posible se estiveran dentro da federación de sindicatos católicos, a moralidade da institución relixiosa da época era moi esixente.

CHEGOU A GUERRA

Despois da guerra, o asociacionismo agrario, o mesmo que outros sectores, veuse afectado no seu funcionamento, por unha parte houbo represión cos membros máis significados, como no caso de Jesús Chao García, directivo da Liga Agropecuaria de Xerdiz e, posteriormente, debido ó control imposto pola Delegación Nacional de Sindicatos a través das Hermandades de Labradores.

O campo serviu de refuxio despois de que se destruíran moitos empregos noutros sectores. As cifras porcentuais da poboación activa na agricultura galega, no período comprendido entre 1900 e 1960, así o amosan.

                                          1900                1930              1960

Agricultura – Pesca        85.89                65,32            65,90

Os datos, saídos dun traballo do catedrático Xan Carmona Badía, apréciase como entre 1900 e 1930 diminúe a xente que traballa na agricultura.

Nos trinta anos seguintes, ata 1960, a agricultura está ó mesmo nivel de emprego, non baixou debido o forte incremento que despois da guerra buscou refuxio no campo debido á perda de emprego nos outros sectores

A poboación no concello de Ourol mantense estable entre os anos 1920 e 1930, ó redor de 5.300 habitantes, aumenta ós 5.522 no censo de 1940 e a partir de aí empeza a baixar, primeiro a modo e, posteriormente, moi rápido.

A  situación política de despois da guerra cambia o entorno no que os sindicatos se movían anteriormente, o  control exercido polo novo goberno  sobre o movemento asociativo maniféstase na Lei de Unidade Sindical do 27 de xaneiro de 1940 que elimina a de 1906 e da que xorden as UTECO.

Como se ve na información do xornal “ El Progreso” quedan integrados na nova estrutura sindical as tres ligas existentes naquel momento en Ourol.

A nova aparece no ano 1942, pouco despois da guerra civil, daquela as asociacións estaban integradas por un considerable número de labregos, a que tiña máis socios  era La Defensa de Xerdiz con 303, séguelle La Unión de Ourol con 184 e a Liga Agropecuaria de Merille xuntaba 116.

Por aquel tempo xurden as “Hermandades de Agricultores y Ganaderos” a nivel municipal que, xunto coas “Uniónes Territoriales de Cooperativas del Campo” de ameto provincial, e  a “ Delegación Nacional de Sindicatos”, forman a trama “ oficialista “ para o control das sociedades agrarias.

Ante a nova situación, e con máis xente no campo que antes da guerra, as  cooperativas seguen a funcionar, como se pon de manifesto no xornal El Progreso de Lugo en marzo de 1949 no que “ A Defensa” de Xerdiz e a “ Liga Agropecuaria” de Merille organizan conferencias da Cátedra Ambulante, que segue dirixindo Rof Codina, nas súas respectivas localidades.

Por Ourol parroquia tamén pasou Rof Codina dando charlas de agricultura uns poucos anos despois, eu fun un dos asistentes ás que se organizaron para os alumnos da escola, paralelas a dos profesionais.

Como consecuencia de aquelas xornadas de divulgación apareceron en Ourol as primeiras granxas avícolas para a produción de ovos, unha en Macedo ( Ourol ) propiedade de Antonio Navarro e outra en Merille, feita por Areas, coñecido personaxe de afiliación falanxista.

Como poñen de manifesto as estatísticas, a mediados do século XX a poboación do concello de Ourol empeza a baixar de xeito drástico.

En 1950 había 5.034 habitantes, dez anos despois baixa a 4.410, o censo de 1970 reflicte un drástico descenso e pasa a 3.687, sendo aínda maior ó inicio da seguinte década, que se queda o concello  con aproximadamente 2.500 habitantes, a tendencia continúa ata os nosos días onde non chega o censo a 1.000 persoas nas oito parroquias.

A xente foise porque os novos tempos así o esixían, a mediados do século pasado a economía de Europa occidental está a cambiar, os países centroeuropeos recupéranse despois da guerra mundial rematada no ano 1945 e necesitan man de obra, para alí foron naqueles tempos moitos mozos de Ourol.

A economía española inicia o desenvolvemento máis tarde a pesares de que a guerra civil rematara seis anos antes que a mundial, o illamento a que foi sometido o réxime militarista, que só se levantou  a mediados da década dos anos 50, cando os  Estados Unidos de América quixo poñer bases militares no solo español, fixo que ata a década dos 60 non empezase a desenvolverse con forza a economía.

Moitos mozos fóronse ós núcleos industriais creados no País Vasco, Cataluña, Madrid, tamén  para as cidades de Galicia, en definitiva, entre a emigración e o absentismo fúmonos case todos de Ourol.

Este abandono do sector primario trouxo consecuencias económicas, culturais e medioambientais de gran impacto para o territorio e para a poboación.

A economía das familias que abandonaron a terra mellorou nos novos destinos ó incorporarse a sectores  capaces de xerar emprego e de retribuír máis satisfactoriamente o traballo. Na agricultura de subsistencia que se practicaba en Ourol, na primeira metade do século XX, resistir era moi difícil, pero as consecuencias do abandono do rural foron nefastas para a economía da zona e os poucos que quedaron.

Os que estaban na agricultura e a abandonaron,  levaron consigo outros empregos e negocios necesarios para atender as explotacións agropecuarias, como as tendas, as forxas, os construtores de apeiros e  muiñeiros entre outros moitos, fóronse tamén os que traballaban en servizos á poboación, como xastres, zapateiros, perruqueiros, albaneis, carpinteiros, pintores, reloxeiros e algún máis.

Con eles perdeuse unha cultura integrada no que facer cotián e nas celebracións sociais.

En Ourol as terras de cultivo e prados deixaron de producir alimentos para producir celulosa, o que gravou a situación de desemprego ó optar pola forestación das terras que, o contrario que na agricultura que se necesita traballar a terra varias veces ó ano, e que na gandería que hai que atender os animais practicamente a diario, a produción forestal é moi cómoda para o propietario porque necesita moitas menos atencións culturais,  pero xera moito menos emprego que a actividade agropecuaria.

A paisaxe e o ecosistema que acolle cambiaron, do policultivo e diversidade na manipulación vexetativa pasouse a un monocultivo do eucalipto limitando, e case extinguindo, a moitas especies vexetais e animais que necesitaban para a subsistencia a actividade agrogandeira doutros tempos.

Nesta nova situación as cooperativas perderon a súa función ó non haber actividade profesional e a agricultura e gandería que se practica ser residual, máis que comercial e económica.

Das tres consolidadas, só a de Xerdiz mantense como sociedade cooperativa aínda que non desenvolve actividades relacionadas co campo, as súas instalacións consérvanse en perfecto estado, acollendo o almacén un negocio de hostalería e o salón converteuse nun centro social.

O edificio da sociedade de Ourol tamén está en perfectas condicións de conservación e a súa función é acoller a Asociación de Veciños.