Nos últimos trinta anos do século pasado os viños galegos cambiaron a mellor, nesta historia houbo moitos protagonistas, algúns do Servizo de Extensión Agraria.

Ata a década dos anos 70 a economía galega era  “ agraria “. Ata tal punto que case a metade da  poboación traballaba no campo.

Este retraso no cambio a unha economía máis acorde co seu entorno, provocaba que moitos labregos, a maioría,  viran na saída  da labranza un futuro máis esperanzador, como así pasou, hoxe non chegan ó cinco por cento a xente que traballa no Sector. Sen embargo, aqueles que se quedaron foron protagonistas dun cambio que rachou completamente coa dinámica que viña imperando durante moitas décadas.

Nos aos setenta o atraso na agricultura era importante

Un dos cambios deuse na actividade vitícola, que arrastraba  unha situación de declive económico desde que, a mediados do século pasado, o consumo de viño baixa  de forma drástica; había moito viño pero de dubidosa calidade.

A situación debíase a que na primeira metade do século pasado, despois do desastre que supuxo a praga da filoxera en tódalas  viticulturas europeas a finais do XIX, a aparición dos bravos resistentes a doenza, fixo que a viticultura se recuperara  en moi poucos anos, dentro dun mercado que demandaba grandes cantidades de viño e,  debido á escaseza, con prezos altos. A calidade era un elemento secundario, o que importaba era  producir en cantidade.

Xerez
Alicante

Baixo este criterio, plantáronse castes de uvas traídas doutras zonas, que dan unha produción moi alta pero normalmente teñen dificultades para acadar  maduracións correctas, e son  incapaces de dar viños moi expresivos. Todo funcionou economicamente ben ata que houbo un cambio de hábitos  e o consumo baixou ( en 1914 consumíase  por habitante e ano  85 litros en 1955 baixara a 54 ),  o mesmo tempo, coa mellora da economía aumentou a demanda de viños diferenciados, con calidade organoléptica.

Lagar en Lobios
Vendima

As consecuencias foron desastrosas para a viticultura que viña funcionando desde principios do século XX, os custes eran cada vez máis altos e os prezos máis baixos.

Lembro unha conversa cun viticultor e adegueiro de Verín a principios da década dos anos setenta, na que afirmaba que facía corenta anos cunha ola de viño ( 16 litros ) pagábase un xornal, naquel intre facían falla entre tres e catro olas para  pagar o mesmo xornal.

Vendima en Beade Ribeiro

VALDEORRAS E SALNÉS PIONEIRAS DA VITICULTURA ACTUAL EN GALICIA.

Houbo dous feitos que, o meu entender, foron os detonantes que acenderon  a chispa que provocou un novo sentido a viticultura  de Galicia. Un deuse en Valdeorras e outro no Salnés.

As dúas circunstancias, que teñen como protagonista o viño, déronse a principios da década dos anos setenta e nos dous a actuación do Servizo de Extensión Agraria foi determinante

Campo Demostración Valdeorras

 Horacio Fernández Presa era o axente xefe da axencia do Barco de Valdeorras por aqueles anos, eran tempos en que aínda existía Extensión Agraria como organismo de promoción e divulgación agraria.Faltaban anos para que se declarase o estado autonómico e a dependencia era do Ministerio de Agricultura. Desde este organismo, a través da Dirección Xeral de Capacitación e Extensión Agraria, propuxéronlle a Horacio, xunto .con outros xefes de axencia doutras comarcas vitícolas, unha visita as zonas de produción e elaboración de viño de Alemaña.

Zona vitícola alemana

O motivo da viaxe era coñecelas posibilidades que ofrecía a viticultura deste país, na que a calidade dos viños impera por riba doutros conceptos económicos,para trasladalas a zonas, como Valdeorras, cun sistema produtivo baseado  en pequenas ou medianas producións.

En declaracións que recollín para o programa Labranza da Televisión de Galicia, moi pouco  antes do falecemento de Horacio, contoume que a viaxe fora moi esclarecedora, coñecendo un sistema vitícola capaz, en condicións climáticas máis difíciles que as de Valdeorras, de ofrecer uns viños, especialmente brancos, de gran calidade e moi recoñecidos polos consumidores.

                                                                     NACE REVIVAL

De volta na axencia, no ano 1973 nace o proxecto REVIVAL ( reestruturación  viticultura de Valdeorras ) coa finalidade de definir e cambiar a vitivinicultura da comarca.

Neste proxecto intégranse  viticultores e elaboradores que  se marcan como primeiro obxectivo definir as castes propias do país con capacidade para elaborar viños de calidade, buscando aquelas que deran prestixio os viños valdeorreses antes da aparición da filoxera.

Nun informe elaborado no ano 1909 pola administración pública sobre a situación do viñedo despois da aparición da filoxera, daba como castes anteriores ó ataque do insecto: » las de Mouratón y Godello en un 33 por 100 cada una, las Valencianas en un 16 por 100, el Graciano en un 10 por 100 y en un 8 por 100 las demás.  «

A Valenciana, segundo me informaron, é a denominación localista da caste hoxe chamada Dona Branca.

A caste godello era moi abundante antes da filoxera

Escolleron entre as brancas o Godello e a Dona Branca e entre as tintas a Mencía e o Merenzao ou María Ordoña.

De todas elas empézase por definir a que consideraban a caste máis interesante: o Godello, redactándose e aprobándose polos 57 viticultores que forman parte do proxecto da Axencia de Extensión Agraria, os Estatutos do Viño Godello.

O mesmo tempo créase no Consello Regulador dos Viños de Valdeorras o rexistro de produtores de Godello.

Mencía
Campo Demostración

No ano 1974 establécense campos de experimentación e de demostración, en colaboración co I.N.I.A.,  para o estudio de afinidade da variedade Godello a dez portaenxertos; a diferentes  sistemas de poda e densidades de plantación e a formacións en espaller.

Posteriormente faise a instalación dunha pequena adega experimental na que se ensaian diferentes tipos de elaboracións de viños coas diferentes castes escollidas, os resultados son sorprendentes e, moi axiña, tanto as cooperativas xa existentes como as adegas de nova creación inician a elaboración masiva de viños coas castes Godello e  Mencía.

Dona Branca
Merenzao

ALBARIÑO – RÍAS BAIXAS

O que hoxe é a Denominación de Orixe Rías Baixas, a máis importante zona vitícola atlántica do século XIX,  debido as súas condicións ambientais de clima suave e húmido, veu afectada a  superficie de cultivo e de produción  de viño co ataque dos fungos do oídeo e do mildiu na segunda metade dese século. O remate foi o ataque da praga da filoxera a que axudou a eliminar á gran maioría das castes de uvas propias destas zonas produtivas de viño, que no informe de 1909 describían as seguites: «De uva negra: Caíño, Espadeiro, Brancellao, Loureiro Negro, Tinta Femia, Negrón, Pojau, Faixóns, Castañal e Illán.

De uva blanca: Alvariño, Treixadura, Loureiro Blanco, Ojo de Gallo, Alicante y Blanco de Lama «.

Estas castes, maioritariamente, foron substituídas   polos híbridos produtores directos. Este tipo de plantas obtivéronse hibridando cepas americanas coas “ vitis viníferas “ europeas. As vides procedentes de América non dan uvas coas que se poida facer viño pero son resistentes á praga da filoxera, tamén de orixe americano, como o mildiu e o oídeo.

Híbrido produtor directo

Nas diferentes hibridacións apareceron castes como o Catalán Roxo, o Romano, a Folla Redonda e outros máis, que teñen como virtude o que non lles afecta filoxera e son moi resistentes ó mildiu e ó oídeo, pola contra os viños que producen son frouxos e de baixa calidade.

A produción tradicional nas Rías Baixas era en pequenas unidades

A mediados do século pasado considerábase que había nas diferentes zonas das Rías Baixas máis de 8.000 hectáreas de castes híbridas, das que teoricamente non se podía facer viño.

Segundo o catastro vitivinícola da zona, a superficie a viñedo coa variedade principal destas zonas atlánticas, o albariño, superaba en moi pouco as 200 hectáreas.

A parra era o sistema tradicional de formación do Albariño

As perspectivas desta viticultura eran nefastas, pero a inquedanza duns poucos fixo que a viticultura empezase a cambiar. No ano 74 un grupo de viticultores da localidade de Sisán, concello de Ribadumia,  no val do Salnés, queren cambiar a realidade na que están sumidos  asociándose para producir viño de calidade.

Entre eles está o que posteriormente foi Conselleiro de Agricultura na preautonomía, Daniel Casalderrey.

En colaboración coa Axencia de Extensión Agraria de Vilagarcía deciden unha serie de accións encamiñadas a recibir información sobre o camiño que debían seguir.

Pazo da Breixoeira - Sacado da película Albariño doble

A viticultura portuguesa levaba anos cambiando e, en algunhas cuestións, como o tipo de castes a cultivar, eran daquela unha referencia para Galicia.

Deciden ir a visitar o Pazo da Breixoeira preto da fronteira que se dedica á produción e á elaboración de Albariño, e ten as viñas plantadas nun sistema de condución novo chamado  en  “cordón doble”.

Grupo visitando Pazo da Breixoeira. Ano 1974

Deste encontro entre os galegos e os portugueses hai unha película gravada polo Servicio de Cinematografía do Ministerio de Agricultura, dependente da Dirección Xeral de Capacitación e Extensión Agraria, que recolle tódalas  impresións   do grupo asistente. Un interesante documento realizado por Francisco Lacalle, que reflicte o momento no que están a vivir os viticultores e por onde queren orientar o seu futuro.

No ano 75 trinta viticultores de Sisán, concello de Ribadumia, inician a aventura dunha  nova viticultura constituíndo un Grupo de Colonización, posteriormente Sociedade Agraria de Transformación, e que na actualidade denomínase a sociedade:  AGRUPACIÓN DE COSECHEIROS DE ALBARIÑO DO SALNÉS.

Desde un principio, esta sociedade sempre se especializou en facer viños de tipo tradicional coa variedade albariño, respectando a fermentación malo-láctica, propia deste viño branco e pouco frecuente nas novas elaboracións.

Considerando o punto de partida da nova viticultura do que hoxe é  a Denominación de Orixe Rías Baixas, na década dos anos oitenta do século pasado prodúcese unha gran explosión en plantacións e en número de adegas. Estes son os datos. Superficie en Hectáreas:

ANO            SALNES              CONDADO                  ROSAL     

1983           152                      87                        12

1988           383                     176                        25    

1993        1.150                    398                       220

2018        2.343                    964                       541

Na década dos anos oitenta apareceron grandes plantacións de Albariño

Cando xa levaba anos funcionando con estas tres comarcas, Rías Baixas ampliou a súa denominación a outras dúas zonas máis: Soutomaior e Ribeira do Ulla que no ano 2018 tiñan respectivamente 189 e 12,7 hectáreas de plantación.

A produción de viño foi acorde coas plantacións, no ano 1987 declaráronse no consello regulador da Denominación de Orixe 585.000 quilos de uva, fundamentalmente albariño, a colleita do ano 2018 foi de 38.595.306 quilos. Desde hai uns anos, Rías Baixas é a  denominación de orixe galega que cultiva maior superficie de viñedo.

Co tempo as vides en espaller impuxéronse nas Rías Baixas

O RIBEIRO. A COMARCA VITÍCOLA MÁIS GRANDE E IMPORTANTE DE GALICIA A MEDIADOS DO SÉCULO PASADO.

Polos anos setenta do pasado século o Ribeiro era a comarca vitícola con maior superficie a vides, tiña concedida a Denominación de Orixe desde o ano 1932.

O viño do Ribeiro era o máis consumido en Galicia, imprescindible a hora de tomar as populares  “ tazas” indo en cuadrillas  de rolda polas tabernas. Non todo o que se servía como Ribeiro era auténtico, había moita falsificación del, o chamado daquela “ matute “, viños foráneos adulterados  de baixa calidade e menor prezo, saciaban a sede de moitos bebedores de viño.

Viñedos do Ribeiro

A actividade vitícola mantíñase grazas a este importante mercado e a que as producións de variedades como o Xerez ( Palomino ) eran moi altas, moito máis do que produce unha caste do país, como pode ser a Treixadura. A pesares desto a superficie vitícola inscrita na Denominación de Orixe mantense ata principios da década dos noventa en que empeza a caer.

Viña de Xerez

O primeiro intento de elaborar viños con calidade diferenciada, nos que as castes autóctonas tiveran unha presenza significativa foi a cooperativa do Ribeiro, a máis antiga de Galicia, que lanzou ó mercado a marca Viña Costeira, actualmente este é o nome da adega, e outro viño de calidade superior chamado “ Brandomín “, hoxe desaparecido como referencia comercial por dificultades legais para manter este nome.

A Treixadura e a caste máis característica do Ribeiro

Si na década dos setenta se dan no país os primeiros feitos significativos de cambio na orientación vitivinícola, nos oitenta a aposta é definitiva. A mediados desta década prodúcense dous feitos de gran importancia para o futuro desta actividade, patrocinados desde a Consellería de Agricultura: a posta en funcionamento da Estación Enolóxica de Galicia e a elaboración do programa de actuación “ Plan  Calidad Viños Gallegos “.

Plan de Calidade dos viños Galegos

Compre destacar neste importante capítulo da actividade vitícola galega a participación de José Antonio Iglesias Prieto que, o meu entender, era o mellor técnico en viticultura de Galicia.

Foi xefe da Axencia de Extensión Agraria de Ribadavia durante moitos anos ata que o nomearon primeiro director do EVEGA.

Torrontés
Brancellao

Durante a súa estadía ó fronte do EVEGA,  deseñou a funcionalidade deste centro de investigación, experimentación e asesoramento, iniciou a creación do actual   banco de xermoplasma  que acolle a maioría das castes autóctonas de vides, algunhas case desaparecidas e foi o impulsor do Plan Calidad Vinos Gallegos.

Neste programa de actuación sobre a viticultura e a enoloxía de Galicia, participaron na comisión redactora un amplo número de cargos públicos, funcionarios, representantes da denominacións de orixe, das cooperativas e doutras entidades, na súa redacción  marcáronse as liñas de actuación que se debían seguir para facer da actividade vitivinícola un sector con futuro. Pódese considerar que despois de 35 anos aínda ten vixencia.

A José Antonio Iglesias, que nun principio se lle recoñece  a  valía como técnico e ten altas responsabilidades,  posteriormente ten problemas para consolidar a súa situación administrativa como funcionario e como director do EVEGA, deixando a  dirección desta e a Función Pública no ano 1988, pasando ó sector privado.

DESDE AQUELA ÉPOCA O FUTURO DOS VIÑOS GALEGOS CAMBIOU

Está visto que a década dos anos 70 do século pasado era moi propicia para os cambios, non só no político que foi radical, senón tamén para a agricultura en xeral e moi especialmente para o cultivo das vides e a elaboración dos viños.

O primeiro feito, en calquera dos casos nos que é desexable cambiar, é asimilar unha nova situación e esquecerse da anterior, algo que xeralmente nos costa moito xa que é máis doado seguir rutinas que afrontar novos retos. Os pioneiros do cambio  tiveron que loitar contra barreiras invisibles, que non son máis que o medo que produce o non saber o que vai pasar, saltáronas, sobre todo, buscando información alí onde a había.

A nova viticultura galega debe moito a aqueles que empezaron marcando o camiño, detrás deles viñeron moitos, sobre todo na década dos anos oitenta e noventa onde cada poucos días había feitos de gran importancia, como o nacemento de novas plantacións con uvas do país, novas adegas, apareceron as últimas denominacións de orixe e de viños da terra, saíron os viños fora  e recibiron infinidade de premios e recoñecementos, o mundo vitivinícola, afortunadamente, é outro. Quizais, na actualidade se cumpra aquel desexo do viticultor de Monterrei, de que  unha ola de viño ( 16 litros) chegue para pagar un xornal.