Nos anos 60, cando en Ourol había moita xente e nas estradas podían os rapaces xogar á pelota porque case non pasaban coches, durante un tempo sentimos o ruxe ruxe das carrocetas, aqueles primeiros vehículos todoterreos que procedentes das poxas dos exercitos europeos reutilizábanse aquí, no país, para o transporte dos máis variados materiais.
Eran pequenas e estreitas, moi pouco estables, pero estaban moi adaptadas a rede de camiños rurais que daquela existían, o que as facía moi útiles.
Tanta actividade debíase ó transporte de escouras da produción de ferro amoreadas en diferentes lugares da xeografía de Ourol e de concellos próximos.
Naqueles tempos de principios da década dos sesenta, non produciu ningunha inquedanza histórica nin cultural este feito, ninguén se preguntou de que época eran, nin quen fixera tal cantidade de material de desfeito. As preocupacións eran as propias dun tempo de economía difícil, onde a principal ocupación das xentes do lugar era a de labrar a terra e ter gando e, o futuro dos fillos, establecíase no absentismo e na emigración, as escouras proporcionaron traballo para algúns e isto, onde o traballo remunerado era escaso, sempre era ben recibido.
Agora debía haber máis inquedanza por coñecer a historia destas escouras, antes de que a memoria daqueles que vivimos o feito, e vimos cono se levaban aquel material, empece a fallar e se perda para sempre a nosa testemuña. As escouras producíronse hai moitos anos, mellor dito hai moitos séculos, e forman parte do noso acervo cultural e histórico, forman parte do que fomos, é un legado dos nosos antepasados e, polo tanto, da nosa propia idiosincrasia.
A ÚLTIMA MINA EN EXPOLTACIÓN NA COMARCA
A mediados do século pasado estaba aínda en activo a extracción de mineral de ferro nas minas da Silvarosa, no concello de Viveiro, que tiña as súas ramificacións en Ourol, concretamente na parroquia de Bravos onde explotaron dous afloramentos nos lugares de Fornos e Labrada.
As minas da Silvarosa, Galdo e Bravos explotáronse de xeito intermitente desde o ano 1896 ata o 1966 en que pecharon de xeito definitivo. Anteriormente, a fábrica de fundición de Sargadelos no concello de Cervo, xa fixera no século XVIII a extracción de mineral en afloramentos desta veta para a fabricación de ferro.
O que haxa tantos antecedentes de aproveitamento siderúrxico na zona desde tempos inmemoriais, débese á riqueza en mineral de ferro dunha capa sedimentaria, que se atopa en moitos casos aflorando na superficie do solo, e que comeza en terra firme á carón do mar, na paraxe coñecida como “ Fuciño do Porco”, preto da praia da Abrela, no concello de Vicedo, diríxese cara o interior atravesando as parroquias de Viveiro, Galdo, Bravos e Sisto na comarca da Mariña e segue por Muras e a Terra Cha.
O aproveitamento do mineral a principio do século XX trouxo consigo importantes infraestruturas, como o cable aéreo polo que pasaban as caldeiras para o transporte do minerais de ferro entre a Sivarosa e a Insua, onde estaba o cargadoiro para os barcos que o levaban para o País Vasco e que hoxe está dedicado a museo etnográfico desta importante explotación mineira.
Este sistema de transporte non chegou ás minas de Fornos e Labrada en Bravos, pero segundo informacións feitas por Xesús Albo Fernández, veciño desta localidade, que na súa xuventude coñeceu a actividade das minas, o material estivo na parroquia para ser instalado pero xa eran épocas de declive da minería do ferro na comarca.
Dúas décadas despois, en 1920 El Regional: Diario de Lugo, recollía na súas páxinas a seguinte nova:
“ Por el gobierno civil ha sida admitida sin perjuicio de tercero y salvo mejor derecho a D. Pedro Alonso, de Vivero, una solicitud de propiedad de doce pertenencias de mineral de hierro, bajo el título de Ortegal, sitas en el lugar de Sabucedo, Ayuntamiento de Orol “.
Non se coñece extracción algunha de mineral de ferro no concello de Ourol en época recente, fora da que se fixo en Fornos e Labrada para a empresa que explotaba as minas da Silvarosa, pero si hai moitos vestixios de extracción noutros tempos anteriores e de transformación en ferro en lugares próximos.
AS ESCOURAS E O SEU ESPOLIO
Son moitas as localizacións onde se sacaron escouras de fundición de ferro entre o ano 60 e o 65 do século pasado, segundo información facilitada fundamentalmente por Moncho que traballou nesta actividade como chofer dunha carroceta, a maior parte dos escouridos están situados en diferentes lugares da zona de Ourol.
A primeira extracción de escouras fíxose no lugar da Ferreira, preto do Carmen, na parroquia de Miñotos, posiblemente o escoural máis grade de tódolos que se sacaron.
O carrexo do material fíxose fundamentalmente con carrocetas que transportaban uns catro mil quilos, depositábase no peirao de Celeiro para ser transportado en barcos a Avilés en Asturias, onde estaba a empresa ENSIDESA, na que se volvían a fundir as escouras.
Estiveron coa saca sobre dous anos, nesta extracción utilizáronse para o transporte camións GMC, como os do exército, de maior capacidade que as carrocetas.
As escouras estaban mesturadas con terra o que obrigaba a lavalas, de primeiro esta operación facíase a man pasándoas por cribos, despois utilizáronse tambores de lavado automático.
O segundo lugar da extracción foi na Ponte de Docín na parroquia de Silán no límite entre os concellos de Muras e Ourol. Estiveron traballando sobre dous anos.
No de Chao de Batán, paraxe situado debaixo dun lugar chamado Escourido, de clara referencia ó material que alí se atopaba, estiveron tamén dous anos quitando escouras utilizando as carrocetas para transportalas a Celeiro.
Empregaban entre dez e doce homes que empezaron facendo os traballos totalmente á man, incorporando posteriormente dúas cadeas sen fin para a carga e o amoreamento do material e, o remate da extracción, apareceu unha pala tipo “araña”, unha autentica novidade tecnolóxica naquel tempo.
Traballaban diariamente dúas ou tres carrocetas que facían catro viaxes ó día, dous a mañá e dous á tarde.
A calidade do material do escourido do Chao de Batán era excelente, a dicir de Ramón, non era necesario lavalo, como pasou nos outros depósitos.
Esta particularidade, ó meu entender, define a época de explotación deste centro siderúrxico.
Como se pode apreciar na fotografía do material de este escourido, procede de fornos que se cualifican de “sangrado”, técnica denominada galo- romana para a calcinación do mineral de ferro.
Na Cruz de Xanceda, preto de Chao da Medas, sacouse escouras durante un ano, a calidade era inferior a do Chao do Batán, tiña mesturada terra.
En menor cantidade, no concello de Ourol tamén sacaron restos de minerais de ferro das Lobeiras e de Santa Mariña en Miñotos e de Belsar en Xerdiz.
No concello de Viveiro, en Chavín, no lugar de Rubieira, moi preto do río Landro, no límite con Ourol, sacaron escouras durante un ano, traballando tres ou catro carrocetas tódolos días. Próximo á aldea hai unha localización chamada Escora.
Na Forqueta, no antigo concello de Riobarba, actual concello de OVicedo, houbo unha importante saca de escouras.
O CARREXO DAS ESCOURAS A ENSIDESA EN ASTURIAS.
Si as testemuñas da xente que traballou na quita das escouras foi determinante para ver o impresionante volume de escouras que se trasladaron a Ensidesa na primeira metade da década dos 60 do século pasado, como exemplo sirva o acontecido en Chao do Batán no que Ramón estivo traballando durante dous anos e había dúas ou tres carrocetas carrexando a diario para Celeiro, pero os datos concretos do volume de carga atopeinos no peirao de Aviles. A Autoridad Portuaria del Puerto de Avilés, facilitoume o aceso para consultar os libros de rexistro de entradas no que están reseñados os máis de cen viaxes nos que os cargueiros levaban desde Viveiro ( Celeiro ) a carga con destino a Ensidesa.
A primeira viaxe faise o día 19 de maio de 1960 no cargueiro FITO con 2.100 toneladas de escouras. Posteriormente a embarcación máis utilizada foi a RIO GILOCA que transportaba cada vez 2.600 toneladas.
Durante o ano 60 entraron en Avilés 22 buques procedentes de Viveiro con este material facendo un total de 56.700 toneladas.
O ano 61, con 35 viaxes, foi o de maior volume transportado, con 70.200 toneladas para Ensidesa e 1.626 para a Fábrica de Mieres.
En 1962 entran 46.751 toneladas e nos dous anos seguintes algo máis de 28.000 toneladas en cada un.
No 65 é o último ano no que aparecen rexistros de entradas de buques con 4.450 toneladas.
En total entraron nestes seis anos 236.307 toneladas de escouras no Porto de Avilés.
Outra ferrería onde se calcinou o mineral e se traballou o ferro durante séculos foi na de Bravos, aínda que dela non houbo saca de escouras na década dos anos sesenta do século pasado.
A ferrería de Bravos no concello de Ourol, foi fundada pola familia dos Cora, entrou en funcionamento a finais do século XV e estivo activa en diferentes períodos da época moderna e contemporánea.
Tamén na parroquia de Bravos, no lugar chamado Fornos, onde se sacou mineral da beta de ferro no período de funcionamento da mina da Silvarosa, moi posiblemente debe o seu nome a que noutras épocas houbo actividade siderurxica.
OUTROS INDICIOS DE ACTIVIDADE XIDERÚRXICA NA ZONA
Na toponimia aparecen outras referencias á elaboración do ferro, como é o caso de Escoira, moi preto do Viveirón, no concello de Muras. No concello de Viveiro hai unha localidade chamada Escourido.
Os nomes que aluden a ubicacións onde se traballou o ferro son moitos, aínda que as escouras non permaneceron amoreadas como nos lugares onde se quitaron por miles de toneladas.
En Folgoso, no concello de Xermade, no límite co de Muras, houbo fornos para a obtención de ferro. Este enclave foi estudado por un equipo da Universidade de Santiago no ano 2013.
En Muras existiu no Burgo unha ferrería.
Seguro, que ó longo da veta de material férrico que atravesa a Mariña Occidental , houbo máis lugares onde os fornos traballaron para obter ferro, en diferentes épocas da historia.
LOCALIZACIÓN DAS MINAS
O mesmo que é moi ampla a localización das ferrerías, as minas onde se sacaba o material para o seu subministro están localizadas en diferentes puntos da contorna. Das visitadas, a que parece que tivo maior actividade foi a de O Coutado, na parroquia de Bravos, da que fai referencia Luis López Pombo no libro “ Municipio de Ourol. Un recorrido por sus parroquias”, no que considera que a explotación mineira é da época romana.
A do Coutado é unha mina a ceo aberto preto do alto do monte, da que había coñecemento na tradición oral dos habitantes do lugar, non só da súa existencia xa que ten unhas dimensións considerables, senón das localizacións onde se transformaba o ferro. Visitando a familia de Tomás, o último veciño do lugar de O Coutado, a súa muller afirma que escoitara o seu sogro dicir que había un túnel que chegaba a Sabucedo, xa na parroquia de Ourol, a menos dun quilómetro de distancia, polo que sacaban o material.
Tal túnel non existe, pero seguro que por Sabucedo baixaban o material para levalo ó Chao do Batán ou a Cruz de Xanceda que están relativamente cerca.
Cando se observa a fotografía da mina, sacada no ano 1956, no chamado voo americano, e accesibles a través da páxina de Información Xeográfica de Galicia da Xunta, vese con claridade dúas grandes escavacións no monte que está a dereita do Coutado, que reflicten a importancia que tivo a mina.
Houbo máis aproveitamentos do mineral de ferro da beta que cruza a comarca, como os da Borra e Cernada na parroquia do Sisto e os de Sabucedo na de Ourol. Nesta localidade hai dous, un a ceo aberto, como todos os demais e un en túnel de pequenas dimensións.
Os lugares onde se sacou o mineral de ferro segue a franxa pola que pasa a veta, facíase xeralmente en zonas altas, o que favorecía o traslado ata as localizacións dos fornos de fundición que estaban situados preto de onde abundaba a madeira para utilizala como enerxía.
A LONGA TRAXECTORIA DA MINERÍA DO FERRO EN GALICIA
A minería ten unha longa tradición en Galicia, segundo se pode comprobar nos traballos publicados no ano 2002 polo investigador e profesor da Universidade da Coruña, Fernán Gómez Filgueiras sobre a produción de ferro no castro de Santa Comba no concello de Ferrol, nel apareceron dous fornos, nos que nun se reduciría o mineral férrico e o outro utilizaríase para traballar o ferro.
Estas instalacións dátanse varios séculos antes de cristo.
En San Cristobo en Pobra de Brollón, en Zoñán en Mondoñedo e en Folgoso, no concello de Xermade, tamén se fixeron en épocas recentes excavacións nas que apareceron escouras e restos de fornos para a produción de ferro. Datáronse nos últimos séculos da dominación romana da península, hai entre 1.900 e 1.600 anos.
Segundo o investigador documentalista Clodio Fernández, na publicación “ La producción tradicional del hierro en la provincia de Lugo” referíndose a documentación escrita “ la mas antigua corresponde al 28 de marzo de año 959, fecha en que el rey Sancho I donó al monasterio orensano de Celanova una cueva en el territorio lucense de Lemos.
No concello de Ourol, a única ferrería que está documentada é a de Bravos que aparece funcionando no século XV.
A de Silán en Muras no século seguinte, o XVI.
Desde a Idade Moderna ata o século XX houbo un incremento das ferrerías para a obtención e o traballo do ferro ata que os cambios tecnolóxicos e empresariais provocaron que os pequenos establecementos desapareceran.
A ENERXÍA, O OUTRO FACTOR DETERMINANTE NA ELABORACIÓN DO FERRO.
Árbores como o carballo e algún mato, como as uces e as queirogas, eran a fonte de enerxía que, mediante a combustión, producía suficiente calor para calcinar as pedras que conteñen o ferro ata chegar a fundilo.
Considerando as localizacións onde se encontraban as escouras, a bo seguro que a dispersión dos fornos obedecía á dispoñibilidade de madeira para poder atendelos.
José A. Balboa de Paz, investigador documentalista no seu traballo “ Ferrerías y Machucos en el Noroeste de España en los siglos XVI al XIX”, expón o seguinte sobre o consumo de madeira “ la proporción de carbón por quintal fundido era aproximadamente de 1 a 6, pero para fabricar 6 quintales de carbón se precisan, dependiendo del tipo de arbol utilizado, casi 30 de madera.
Este aproveitamento masivo de leña para queimar foi orixe de conflitos entre a poboación do contorno e as ferrerías de transformación .
Os veciños sufrían a deforestación ó verse privados dun recurso necesario para o seu uso cotián, a leña utilizábase para quentala casa, cociñar na lareira e quentar o forno do pan.
En épocas máis recentes que a do imperio romano, existen referencias documentais destas liortas no propio concello de Ourol, en concreto no funcionamento da ferrería de Bravos. Segundo conta Luís López Pombo no libro Municipio de Ourol. Un recorrido por sus parroquias, este importante establecemento vinculado a familia dos Cora, iniciou a súa actividade a finais do século XV, en 1640 o capitán D. Pedro Fernández de Cora “ sostenía pleito con los vecinos de Ourol y San Pataleón de Cabanas, por la tala y despoblación que se producían en los montes a consecuencia de un excesivo corte de leña para sus fraguas”
Un caso semellante pasou a finais do século XVIII na fundición de Sargadelos, a máis importante de España naquel tempo, dedicada a produción de material militar, especialmente para a mariña de guerra, o seu funcionamento obrigaba a consumir gran cantidade de carbón vexetal que se producía coa madeira dos montes da contorna. A poboación local padecía a falta de madeira e estaba obrigada a unha serie de prestacións, como o carrexo do carbón, o que ocasionou unha revolta na que 4.000 veciños arrasaron a ferrería e posteriormente deron morte ó Marqués de Sargadelos.
Dos fornos que funcionaron na antigüidade en Ourol e nos dos concellos próximos, non hai documentación escrita e as probas da súa existencia baséanse na lembranza da xente de idade avanzada que coñeceu a extracción das escouras, nos lugares onde estiveron non hai restos visibles, só queda algunha escoura.
OS ROMANOS FIXERON FERRO EN OUROL
A espera de que algún día se faga un estudo completo do tema, pódese supoñer que a produción de ferro nestes escourais remóntase a épocas moi antigas, polo volume do extraído non parece que fora unha produción castrexa para o seu propio uso, máis parece que obedeceu a estratexias e necesidades de outra entidade, como a do Imperio Romano.
Razóns para esta suposición non faltan, en primeiro lugar pola aparición dunha moeda romana na extracción que se fixo no Chao de Batán. Pero aínda hai máis, o tipo de material aparecido nel, son das que se denominan escouras de sangrado, procedentes dun tipo de fornos implantados polos romanos en tódolos territorios que dominaban, cunha tecnoloxía superior os utilizados anteriormente xa que podían eliminar as escouras durante o proceso de redución do material.
Estas escouras teñen unha aparencia máis metalizada, diferente ás dos outros fornos.
Durante a dominación romana, as minas tiñan unha lexislación específica, sendo controladas polo fisco e dependendo directamente do exército. Considerando este feito, a posible existencia dunha “ castra aestivae “ ou campamento de verán das lexións romanas en Corral Vello, como apunta José María Puentes na súa páxina web, estaría dando sentido a toda esta historia do ferro.
É de supor, que si na parroquia de Xerdiz se atopou unha ara romana que está depositada no Museo Provincial de Lugo e na de Miñotos un Lar Vial, a presenza de romanos debía ser habitual na zona e o aproveitamento dos recursos naturais, como é o material férrico, unha finalidade en si mesma.
En investigacións feitas por María Martín Seijo e Andrés Teira Brión membros do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela, en Folgoso do concello de Xermade sobre un escoural da localidade, despois de someter ó carbono catorce os restos de escoira alí atopados, afirman que “ Un dos carbóns recuperado do interior dunha das escouras … permitiu datar esta actividade en época romana, entre o século II e o IV”.
No traballo publicado tamén fan referencia á presenza romana na zona, destacando o lugar de Vilar da Graña que, como o seu nome indica, case seguro foi un asentamento de persoal procedente do imperio.
Na zona de Ourol, relativamente próxima a Folgoso, o mesmo que en toda a Mariña, abondan os nomes de Vila, Vilar e Vilares que fan referencia a súa orixe ocupacional
A TECNOLOXÍA. OS FORNOS.
Os fornos utilizados para a calcinación do mineral de ferro en épocas pasadas eran moi diferentes ás macroinstalacións actuais, o descuberto en Santa Comba no concello de Ferrol, tiña unhas dimensións que os investigadores do proxecto consideran cunha altura inferior a 1,5 metros e un fondo que non pasaba dos 40 centímetros.
Outro forno utilizado en posteriores épocas ó de Santa Comba, é o que os estudosos do tema chaman de cuba baixa ou galo-romano, en servizo durante moitos séculos, ata que na Idade Media se introduce a siderurxia hidráulica que permite a utilización de instalacións de maior tamaño.
O galo-romano ofrece algunhas variacións con respeto ó de Santa Comba, non so polo tamaño, senón por que presenta unha saída para as escouras durante a calcinación polo que se chaman tamén de sangrado.
Nesta reprodución sacada do artigo” El Hierro en el registro arqueológico de la protohistoria cantábrica” de Jorge Camino Mayor y Angel Vila Valdés, do Museo Erqueológico de Asturias, editado na revista da Diputación Foral de Bizkaia, apréciase con detalle as diferentes partes de que consta o forno así como as entradas para favorecer a combustión e a saída para as escouras.
As escouras de sangrado producidas durante a calcinación do mineral, teñen este aspecto característico.
REESCRIBIR A HISTORIA.
Considerando o feito da importante saca de escouras producida na década dos anos 60 do século pasado, sería necesario intentar coñecer o que pasou na bisbarra da Mariña occidental coa elaboración do ferro ó longo da historia.
Lendo biografía sobre o tema, cando os historiadores tratan sobre a siderurxia do ferro durante o imperio romano na península Ibérica establecen fora de Galicia os principais centros de produción.
Nunha ponencia de Merche Urteaga Artigas, Licenciada e Doctora en Arqueoloxía, sobre “ El hierro en la época romana. Tradición e innovación en los territorios vascos”, reflicte a seguinte situación: “ Dejando a un lado los territorios vascos, que trataremos más adelante, las evidencias sobre la producción de hierro en la época romana vienen marcadas en lo que se refiere a las provincias de Hispania por los registros de Sierra Menera ( Teruel-Guadalajara ), Sierra de la Culebra ( Zamora ), Sierra de los Filabres ( Almería ) y Munigua ( Sevilla ).”
Con relación ó País Vasco, establece 9 xacementos de mineral sobre o que se desenvolveron actividades siderúrxicas de maior ou menor importancia.
Noutro traballo de fin de grao da Universidade de Valladolid feito por Alfredo de la Horra Arguello, sobre “ La minería del hierro en la época romana: Oiasso ( Irún, Guipúzcoa ), considera que: “ Las primeras constataciones de objetos de hierro en la zona cantábrica aparecen relacionados con la cultura castreña. El registro es pobre ( CAMINO, 2014 ) y se reduce a unos pocos puñales de antena en el castro de Taramundi, Chao San Martín o la Campa de Torres. En cuanto a lo yacimientos que tengan hornos de sangrado, son pocos debido a lo efímero de sus estructuras. Aún con ello han podido constatarse en los castros de Moreyón, Caravia o el Fitu. Las regiones de Asturias y Cantabria son las que recogen la mayor concentración de estas estructuras.
En época romana el hierro se consolida como metal hegemónico. El diseño de los hornos favorece la separación de las escorias por sangrado. Un importante centro de explotación fue Lucus Augusti, aunque para buscar registros más importantes debemos acudir a aquellas zonas en que las Guerras Cantabras fueron más intensas.”
Si Lugo, capital fortificada do imperio romano, está considerada como un importante centro de explotación, a subministración de mercadorías do ferro debía ter diferente procedencia e, sen lugar a dúbidas, as do entorno das Mariñas Occidentais estarían entre elas.
Tampouco atopei moitas referencias de elaboración de ferro nesta zona noutras épocas históricas do medievo e da idade moderna, Clodio González Pérez, historiador, no seu traballo: “ La Producción Tradicional de Hierro en La Provincia de Lugo: Las Ferrerías” inclúe varias funcionando nos reinados de Carlos V, Felipe II e Felipe III, “ por estos años documentalmente se comprueba que trabajaban, entre otras, las de Bravos ( Ourol ), Gundriz y Lusio o Real ( Samos ), Pesqueiras ( Valadouro ), Silán ( Muras ), Vilaboa ( A Pontenova ), Vilanova de Lourenzá, Vilaseca ( Riotorto ), Viloalle ( Mondoñedo ), etc”
A información existente sobre a siderurxia no norte da provincia de Lugo ata épocas recentes nas que funcionaron Sargadelos ou as minas da Silvarosa, é moi escasa o que abre un camiño de investigación para coñecer cal foi a realidade do que por aquelas terras pasou con referencia ó ferro.